Interveñen (por orde de intervención):

  • Martín Lestao, artista e creador do mural.

  • Belén Mogo, artista e creadora do mural.

  • María Jesús Alonso, redeira .

  • Berónica Rodil, propietaria de conservas Faro de Burela.

A fábrica de Gres Burela, antigamente Gres Cucurny, coa súa cheminea, atopábase moi preto do Mural Burela-In. , na rúa Leandro Cucurny, que realmente se chama “Burela, a súa mar e as súas xentes”.

O seu artífice foi o catalán Leandro Cucurny en 1908, que xa posuía outra fábrica de produción de gres na súa terra, concretamente en Montmeló, actividade que xa comezara o seu avó, Pau Cucurny en Barcelona.

Recalou en Burela atraído polas instalacións, entre a que se incluía unha cheminea de 37 metros, da por aqueles tempos fracasada, Sociedade Cerámica de Sargadelos, que fora trasladada nos últimos anos (dende 1901 ata 1908) dende a localidade de Sargadelos á nosa vila, e finalmente embargada. A súa empresa adquire sesenta instalacións mineiras, baixo a denominación de “La Gallega”, que lle proporcionan á súa planta de gres, excelentes materias primas: arxilas refractarias, feldespatos e o caolín, o noso “barro”. Os mesmos materiais que empregarían anos despois, en 1968, Díaz Pardo e Luís Seoane no seu Laboratorio de Formas para reflotar a fábrica de Cerámica de Sargadelos, na localidade do mesmo nome, cun novo concepto e vangardista, acorde aos novos tempos.

Gres Cucurny fabrica materiais de construción, tales como baldosas, azulexos, pavimentos de gres, como o mosaico de gres , dunha tan alta calidade que consegue crear toda unha marca con denominación de orixe: Gres Burela, dando emprego e prosperidade, alcanzando unha plantilla de 260 operarios/as en 1946, cando Burela tiña unha poboación total de 1.100 habitantes.

En 1955 falece Leandro Cucurny, tocando simultáneamente ás 20:00 horas, as campás das igrexas parroquiais de Burela e Montmeló.

A cheminea da Sociedade Cerámica de Sargadelos e de Gres Cucurny foi derrubada en 1960, despois de pasar a factoría por diversos propietarios. En 2013 a empresa Gres Burela foi liquidada.

Que son as redeiras?

As redeiras son aquelas mulleres encargadas de confeccionar os aparellos e redes de pesca (coséndoos ou montándoos a través de nós) e reparalos cando se estragan.

O cerco, miños, volanta, volantillas, nasas e palangre dos que fala María Jesús Alonso correspóndese con diferentes tipos de aparellos, trampas e redes para diferentes artes de pesca, tanto de artes de pesca menores e contingentados (enmalle e palangre).

Que se captura con cada aparello, rede ou trampa?

Co cerco captúranse especies peláxicas (sardiña, xurel, xarda e boga).

Cos miños: rodaballo, lenguado , sanmartiño, centolo, lubrigante e langosta.

Coa volanta,merluza

Coas volantillas, merluza ou salmonente (dependendo da malla da volantilla).

Coas nasas: pulpo , nécora e camarón ( dependo da tipoloxía de nasas uns ou outros).

Co palangre de fondo: merluza, meruca, palometa roja, bertorella e besugo.

Co palangrillo: lubina, sargo e besugo

Que son os paños dos que fala María Jesús Alonso?

Os paños son propiamente as mallas, que van entre as dúas relingas. Como podedes ver no vídeo, a relinga superior leva corcho ou material sintético (para que flote na superficie do mar), antigamente levaban cortizas (cascas duras de sobreiras), e a relinga inferior leva un peso, normalmente de chumbo (para que co peso do chumbo quede a malla debaixo do mar), antigamente levaban pedras. Para que nos entendamos, coloquialmente as relingas son cordas, como así lle chaman tamén as redeiras e os mariñeiros. Agora mesmo fabrícanse con fibra natural coma o cáñamo, algodón, ou con fibra sintética como nailon, kuralón, etc.

Quen era a “asturiana” da que nos fala María Jesús?

Era Edelmira Suárez, unha muller de orixe asturiana coas que as redeiras de Burela comezaban a aprender o oficio sobre os catorce anos, coma María Jesús. Con ela aprendían nas chabolas a diferenciar cada parte da rede e a coller soltura coa agulla (como a que leva no vídeo na man María Jesús, e que antigamente eran de madeira dura e flexíbel como de buxo ou castiñeiro. Cando tiñan que coser aparellos do cerco facíano no porto ou nun campo próximo, ou tamén incluso no barco. En cambio, coas outras artes podían coser na chabola do propio armador, e incluso, en ocasións tiñan a posibilidade de coser os aparellos nas súas casas, para compaxinar o seu oficio co coidado dos/as fillos/as. Actualmente as redeiras de Burela, xa cosen nunha nave do porto habilitada en exclusiva para elas.

Que son as olgas?

As olgas son as algas, así lles chamamos en Burela.

Para que servían as olgas que recollían as olgueiras?

Para aboar as terras de labradío. Como ben di Herminia Pernas, a cronista oficial de Burela, as hortas chegaban ata a beira de mar. O sector agrícola antigamente era tan importante coma o sector pesqueiro.

O sistema de aboado da terra consistía en deixar a olga húmida na terra ata que podrecía, aportando nutrientes que a facían máis produtiva.

Pouco a pouco, o sector pesqueiro foi relegando ao sector agrícola, polo que a partir dos anos 80, a olga aínda era un sector en auxe e seguíase recollendo en cantidade, pero neses momentos para usos industriais. Pouco a pouco foi indo a menos.

Cal era o proceso de recollida da olga e venta para uso industrial?

Recollíase pola mañá cedo, e sempre en horas de baixamar. Amontoábanse as olgas e seleccionábanse as especies máis comerciais. Todo isto tiña que facerse o máis axiña posible, xa que algunhas cando levaban máis de día e medio na praia voltábanse moi escorregadizas, polo que o seu manexo se volvía máis dificultoso.

Despois de escollidas, metíanse en sacos (ou en cestos), tal como relata María Jesús, podendo chegar a encher ata 30 sacos en cada xornada de traballo, para posteriormente levala ás costas os sacos ou no ombro as cestas, como nos segue contando a redeira. No caso de que houbese moito desnivel axudábanse dun guinche.

O secado era o seguinte paso, enxugábase ao aire libre. Dependendo do tempo e do sol, podían tardar en secar tres días, estendéndoas ben e dándolles a volta cada dúas ou tres horas, evitando que podrecesen. Do mesmo xeito, había que evitar que se mollasen coa chuvia, etc.

A olga seca perde máis da metade do seu peso, polo que para obter 1000 kg era necesario 3000 kg de olga húmida, polo que era máis cotizada a seca (arredor de 12 pesetas/kilo).

Unha vez finalizado era vendida nunha fábrica do próximo concello de Ribadeo, en Vilavella, para a súa posterior comercialización dende alí.

Co peche da fábrica a maioría de olgueiras abandonaron o oficio.

Onde se recollían as olgas?

As olgas para aboar a terra recollíanse por toda a costa burelá, especialmente na praia do Porto, agora mesmo desaparecida, estando situada por diante de onde agora se atopa o mural Burela-In e o local da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, chegando ata diante do hórreo e antigas casas mariñeiras que hai por detrás do mesmo. Alí era un bo lugar porque o acceso para carros e animais de cargas para transportala posteriormente era máis doado que noutros lugares da vila.

En canto ás olgas para uso industrial, recollíanse especialmente na zona do Cantiño e na praia do Perdouro(a carón da igrexa de Coedo), chegando ata a desaparecida praia de Castrelo (onde se atopan agora mesmo os pregues do Perdouro).

Antigamente houbo varias conserveiras na vila (conservas Bravo, conservas Remo, O Trochero, Fabricantes Unidos…).

As traballadoras eran maioritariamente mulleres incorporadas ao mundo laboral dende idades moi temperás, unha vez rematados os estudos básicos con 13 anos, ao igual que as redeiras.

As novatas comezaban facendo un pouco de todo, traballos sinxelos, que denominaban como “dar servizo” (levar sal ás mesas, carretar peixe …)

Despois, baixo a titoría e aprendizaxe das máis veteranas, ían comezando a aprender a limpar o peixe, para introducirse no resto de tarefas.

Existían postos como o de fogoneira, que consistía en vixiar que a caldeira tivese carbón para poder cocer o peixe. No caso de ter que fritilo, existía outra muller que se encargaba diso, e da súa boa man dependía a calidade do produto final.

O resto, eran obreiras que se encargaban de todo o proceso de enlatado, e cuxa vestimenta eran as súas propias roupas, traídas da casa, ata o ano 1974.

Os desperdicios eran aproveitados polos/as labregos/as para fertilizar as terras ou ben se destinaban a facer fariña.

Fontes: 

Suárez Mesías, Olga. Memoria do Oficio do Mar de Burela (141 páxinas), 2011, Concello de Burela.

Salgado, F. (2015, 10 de abril). Gres Cucurny o Gres Burela. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2015/04/10/gres-cucurny-gres-burela/00031428698092887324106.htm

Díaz, José (2020, 4 de outubro). La primera gran empresa de Burela. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/burela/2020/10/04/primera-gran-empresa-burela/0003_202010X4C8994.htm

“Me enorgullezco de que el nombre de Sargadelos sea reconocido en todo el mundo” 10 de decembro de 2011 https://www.isaacdiazpardo.gal/es/empresas/sargadelos

María Jesús Alonso e consulta con outras persoas relacionadas co mar como os membros da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns…