A ruta pódese realizar a pé, en bicicleta ou en vehículo a motor, estructurándose en 13 puntos de parada, con 13 balizas de madeira, sendo as seguintes:

Baliza “O Cantiño”, abastecemento de auga para embarcacións (duración: 2:08 min)

Baliza “Igrexa de Coeda 1”, un altar xeolóxico aberto ao mar (duración: 3:04 min)

Baliza “A Lonxa ABSA”, unha das máis destacadas do país (duración: 7:58 min)

Baliza “Os pregues do Perdouro”, as pegadas dos choque entre dous antigos continentes (duración: 2:54 min)

Baliza “Igrexa de Coeda 2”, un altar xeolóxico aberto ao mar (duración: 2:08 min).

Baliza “Mural Burela-IN” , unha homenaxe artística ás mulleres do mar (duración 11:22min)

Baliza “A Moncloa”, as orixes da Asociación de Mariñeiros Xubilados (duración: 8:22 min)

Baliza “Porto Comercial”, a afouteza das nosas mulleres porteadoras de caolín, o noso “barro” branco (duración: 2:15 min).

Baliza “Museo ao Aire Libre de Pinturas Murais”, a arte e multiculturalidade burelá. O noso pasado baleeiro (duración 7:20 min)

Baliza “Faro Pena Burela”, cores negras e amarela que gardan un significado (duración: 4:14 min)

Baliza “Cabo Burela”, o cabo e a Burela castrexa. O noso torques (duración: 7:19 min)

Baliza “O Xiringote” , un dos poucos exemplos mundiais de bufadeiro granítico (duración: 2:13 min)

Baliza “Diaclasas ortogonais” , a “tableta de chocolate” da xeoloxía (duración: 2:32 min)

En cada unha delas disponse dun código qr, para que os/as usuarios/as o poidan escanear cos seus móbiles ou dispositivos dixitais, enlazando cun vídeo explicativo do lugar no que se atopan.

Se non se dispón de conexión a internet os vídeos son descargables dende esta mesma páxina web.

O contido de cada vídeo é independente. Non se precisa seguir unha orde preestablecida para comprendelos, polo que se pode facer de xeito total ou parcial, reducíndose ou ampliándose o itinerario dependendo do tempo do que dispoña cadaquén.

Incluso se pode facer un percorrido virtual, dende as súas propias casas, a través do mapa, imaxes e explicacións dos vídeos.

Aínda que cada persoa pode configurar o seu traxecto, propoñemos nós un, que discorre por todos os puntos establecidos, e que se pode consultar e seguir a través da aplicación Wikiloc.

 

Este traxecto de 7,87 km é lineal, de moi escaso desnivel, e dificultade baixa, agás algún tramo no acceso á igrexa de Coeda, que sería de dificultade media , non polo esforzo físico requerido, senón polo tipo de firme no que se pisa (*ver recomendacións).

Este tramo e a propia igrexa é accesible só en periodos de marea baixa, polo que se deberá ter en conta a hora de baixamar, sendo accesible só durante unhas horas cada día. No caso que se decida facer fóra deste intervalo de tempo, a formación pódese contemplar desde un mirador situado na chamada “Punta Pasada das Cabras”, no que se sitúa a baliza “Igrexa de Coedo1”, sendo este a diferenza da igrexa de Coeda, accesible a todo tipo de público, incluíndo ás persoas con mobilidade reducida.

O tempo en movimento a pé será de aproximadamente 2 horas (orientativo, dependendo do ritmo de cada persoa e do tempo no que se pare a contemplar as paisaxes) ao que se lle debe sumar a duración dos vídeos, de 59:61 minutos, resultando un total de aproximadamente 3 horas.

O tempo de movimento en bicicleta, para unha persoa en estado físico normal e que monta en bici de cando en vez, 30 minutos, variando lixeiramente o trazado da ruta para evitar baixar por escaleiras, o que describiremos máis adiante.

A maior parte do percorrido discorre por paseo marítimo embaldosado, e é coincidente en boa parte coa Ruta Circular de Burela (sinais de madeira brancas, azuis e amarelas), polo que é accesible para cadeiras de rodas e carriños. Existen tamén treitos de beirarúas, estradas con pouco tránsito, de porto e paraxes naturais (a igrexa de Coeda e acceso, e a zona das diaclasas ortogonais , ao finalizar o roteiro).

Se queremos apoiarnos nun plano callexeiro en papel están dispoñibles na Oficina de Información Turística, e cando esta esté pechada, na Casa da Concello (de luns a venres, polas mañás).

Enlace ao punto de inicio en google maps.

Comezamos a nosa andaina en fronte da cala inaccesible onde se atopa a Fonte do Xudío. Para ver a mesma é preciso baixar por unhas escaleiras situadas xusto enfronte da baliza “O Cantiño”. Para chegar ata a mesma existe un aparcamento na Área recreativa do Cantiño (máis info aquí http://turismo.burela.org/gal/node/1020 ), enfronte dun pequeño parque infantil, despois de pasar un merendeiro no que están dispostas unhas mesas e bancos dentro de recintos circulares. A partir deste momento podemos seguir o percorrido en dirección á vila seguindo as señais indicadoras da Ruta Circular de Burela (de madeira, e con cores amarelas, azuis e brancas) polo paseo marítimo do Cantiño e ata a Lonxa Absa. A moi poucos metros, uns 30 metros, imos ver un desvío a man dereita que nos leva á punta Pasadas das Cabras e á baliza “Igrexa de Coeda 1”- Este é un punto de visibilidade da Praia do Perdouro e da Igrexa de Coeda, formación de interese que se explica no vídeo. Como dita formación é inaccesible en altamar, recomendamos ver o vídeo dende aquí se o roteiro se realiza en horas no que a marea non permite chegar ata a mesma de forma segura. O traxecto hacia Coedo en baixamar podería facerse tomando como punto de partida este lugar, pero non o recomendamos, xa que consideramos máis fácil e seguro o acceso dende as inmendacións da zona portuaria. Unha vez feita esta visita voltamos coller o desvío ata saír de novo ao camiño principal, que continuaremos ata desembocar nun aparcamento en batería e beirarúa da rúa Suafonte. Un pouco máis adiante, atoparemos unha bifurcación onde veremos un carteis indicadores que indican “Porto”, “Parque de Suafonte… Nós colléremos en dirección ao porto e ao parque de Suafonte, pola estrada da dereita. Así, pasaremos por diante da “Fundación Eu Son”, cun letreiro grande, e ao pasar o edificio onde está situada a mesma xiraremos á dereita adentrándonos na Rúa Castrelo. Ao pouco, voltaremos xirar á dereita, ao pasar unha casa con fachada azul. Seguindo sempre as sinais da Ruta Circular baixaremos por unhas escaleiras que nos situarán nunha rotonda, ao lado da Lonxa Absa e da baliza “A Lonxa ABSA”. Continuamos como se nos fósemos meter para a nave verde da lonxa, pero en lugar diso seguimos, deixándoa a nosa esquerda, por unha estrada asfaltada, con escaso tráfico e sen beirarrúas. Alí atoparemos a baliza“Os pregues do Perdouro, e aos poucos metros un muro onde estará situada a baliza “Igrexa de Coeda 2”, dende aquí podemos acceder ao link do vídeo, e sempre atendendo ás recomendacións para acceder a dita cavidade xeolóxica (moi importante revisalas) podemos continuar recto nas horas do días na que as mareas nos permiten chegar ata ela sen perigo. Desde o muro, primeiro a través duns 124 metros de area de praia e despois duns 164 metros de roca e cantos rodados, lonxitude que varía según a época do ano. Volvemos sobre os nosos pasos ata as naves da lonxa para continuar recto pola Avenida da Mariña. ata chegar á baliza “Mural Burela-IN”, na zona de aparcamento da peixería “O Almacén do Peixe”. Mesmo enfronte atopamos o local da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, polo que cruceremos polo paso de peóns ata situarnos na fachada principal do edificio, cunha cruz vermella pintada, e atopar a baliza correspondente: “A Moncloa”. Xusto enfronte, vemos a Oficina de Información Turística. Continuamos polo muelle entre o edificio da “Moncloa” e a Oficina de Información Turística, uns 100 metros ata o Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen”, diante do cal atopamos a baliza “Porto Comercial”. Dende este lugar, cruzamos ata o espigón ou muro portuario, no que se sitúa o Museo ao Aire Libre de Pinturas Murais”. Ímolas admirando ata chegar ata a baliza correspondente a este. Continuamos admirando as Pinturas Murais ata dar de fronte coa baliza “Faro Pena Burela”, na praia do Penoural, onde se inicia o Paseo Marítimo da Marosa, que seguiremos todo recto ata o final do noso roteiro sen desviarnos, atopando polo camiño a baliza “Cabo Burela”, a continuación a baliza “O Xiringote”, para finalizar na baliza “Diaclasas ortogonais”, a carón da praia da Marosa.

Para evitar as escaleiras, ofrecemos un roteiro alternativo para bicicletas. Os cambios deben realizarse a partir da chegada ao edificio onde podemos atopar a “Fundación Eu Son”. Alí en vez de seguir as sinais da Ruta Circular de Burela imos seguir todo recto pola mesma rúa, a rúa Suafonte, ata desembocar nun cruce , entre a parte de atrás do Centro de Saúde e un establecemento chamado “Bolsos Beli”. Nese cruce coller á dereita, descendendo ata o Mural Burela In, e a baliza correspondente á está, nas inmediacións do porto, para logo xirar á dereita, pasar por diante da peixería “O Almacén do Peixe” ata adentrarnos na Avenida da Mariña e atopar a baliza “A Lonxa Absa”. A continuación seguir as indicacións do itinerario peonil proposto.

Para acceder á igrexa de Coeda debemos facelo a pé, deixando a bicicleta aparcada nas inmediacións (existe algunha farola e poste onde poder amarrala con candado).

Cabe mencionar que entre as balizas ou puntos máis lonxanos entre sí existe unha distancia de aproximadamente 6 km a pé, mais a maioría deles atópanse agrupados por diversas zonas, moi cercanos entre sí, facendo factible realizar esta ruta en vehículo a motor comodamente.

Imos describir un itinerario proposto por zonas e as balizas:

Zona “O Cantiño”:

Na zona do Cantiño podemos aparcar na súa Área Recreativa, enfronte do pequeno parque infantil. Este é o punto de Google Maps no que podemos atopar un estacionamento habilitado para aparcar en batería aquí.

Xusto enfronte, xa temos a primeira baliza, a de “O Cantiño” e a uns 40 metros a baliza “Igrexa de Coeda1”.

Zona “Pregues do Perdouro”:

Na zona “Pregues do Perdouro” podemos estacionar xusto a carón dos mesmos, nun aparcamento habilitado para facelo en batería. Está nun punto intermedio moi cercano tanto á baliza “Igrexa de Coeda2” (recorden que para acceder á igrexa de Coeda xa deben seguir as recomendacións e normas descritas máis abaixo, sendo imprescindible a súa consulta), e á baliza “Lonxa ABSA”.

Zona “Oficina de Información Turística”:

Nesta zona é onde podemos atopar a maior concentración de balizas. Se aparcamos a carón da Oficina de Información Turística podemos acceder a través dun paseo curto e agradable ás seguintes balizas:

Baliza “A Moncloa”, xusto enfronte da Oficina de Información Turística”.

Baliza “Mural Burela In”, xusto enfronte da parte traseira do edificio de “A Moncloa”, a carón do aparcamento da peixería “O Almacén do Peixe”.

Baliza “Porto Comercial”, situada a carón do Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen”.

Baliza “Museo ao Aire Libre de Pinturas Murais”, dirixíndose dende o barco museo ata o espigón portuario, por detrás deste.

Baliza “Faro Pena Burela”, seguindo pola beirarrúa onde se atopa o Museo ao Aire Libre de Pinturas Murais”, damos con esta baliza, na praia do Penoural.

Zona “Paseo Marítimo da Marosa”:

Desde a Oficina de Información Turística podemos coller de novo o noso vehículo, para dirixirnos aos tres puntos ou balizas situadas ao longo deste paseo.

En primeiro lugar atoparemos a baliza “Cabo Burela”, nun lugar onde está instalado un monolito en granito coa rosa dos ventos e as coordenadas do lugar. Existe un aparcamento xusto a carón deste, á beira da estrada, para deixar os vehículos estacionados en batería.

Continuamos o camiño en vehículo ata a praia de Ril, aparcando no seu estacionamento para dirixirnos camiñando en menos de 5 minutos ata a baliza “O Xiringote”.

Por último lugar, estacionamos no primeiro aparcamento da praia da Marosa que atopamos no noso traxecto. Alí veredes a baliza “Diaclasas Ortogonais”, completando todo o roteiro.

Para as persoas que teñan especial interese en descubrir e descifrar o noso patrimonio xeolóxico, declarado oficialmente geosite, zona de relevancia xeolóxica a nivel mundial, e non dispoñan do tempo necesario para facer a ruta completa, nas balizas os recursos correspondentes a esta ciencia están marcados coa cor laranxa.

Podería realizarse tamén en vehículo propio, estando moi preto entre si os pregues do Perdouro e a igrexa de Coeda, na zona portuaria cercana á lonxa ABSA, como así tamén” O Xiringote” e as Diaclasas Ortogonais, na parte final do paseo marítimo da Marosa.

Estas serían as balizas correspondentes:

Igrexa de Coeda1, un altar xeolóxico aberto ao mar (duración: 3:04 min).

Igrexa de Coeda2, un altar xeolóxico aberto ao mar (duración: 3:04 min).

Os pregues do Perdouro, as pegadas dos choque entre dous antigos continentes (duración: 2:54 min).

O Xiringote, un dos poucos exemplos mundiais de bufadeiro granítico (duración: 2:13 min).

Diaclasas ortogonais, a “tableta de chocolate” da xeoloxía (duración: 2:13 min).

  • O camiño de acceso á “Igrexa de Coeda” é un espazo natural. Recomendamos o acceso desde a zona portuaria (baliza Igrexa de Coeda2), composto por uns 124 metros de area de praia e uns 164 metros de roca e cantos rodados, lonxitude que vai variando dependendo da estación do ano, e das marusías que levan e traen area. Tamén se pode acceder dende a zona do Cantiño – miradoiro de Pasada das Cabras (baliza Igrexa de Coeda1), mais por aquí o acceso faise máis complicado, tendo que baixar por un camiño con forte pendente, no que hai instalada unha varanda para suxeitarse, para posteriormente atravesar a Praia do Perdouro, unha praia de pedras e cantos rodados duns 270 metros de lonxitude. Desde o miradoiro de Pasada das Cabras é posible ter vistas hacia a Igrexa de Coedo, en caso de que se realice a ruta en horario de altamar.

  • A cavidade denominada como “Igrexa de Coeda” só é accesible en marea baixa. Hai que ter en conta que no mar Cantábrico existen as mareas, movemento periódico de ascenso e descenso do nivel da auga do mar. Durante os períodos de marea alta o acceso a este monumento natural atópase cuberto por esta. Para visitala debe consultar a hora de baixamar, que vai variando día a día. Pode facelo nas seguintes ligazóns:

  • Será visitable desde unha hora antes de baixamar ata unha media hora despois aproximadamente, sendo a pinza horaria máis segura, podendo verse lixeiramente ampliada segundo o tipo de mareas (o coeficiente de variación) e o estado do mar do momento.

  • Se a ruta se realizase en horario de marea alta, cando é inaccesible, , a formación pódese contemplar desde un mirador situado na chamada “Punta Pasada das Cabras”, no que se sitúa a baliza “Igrexa de Coedo1”, sendo este a diferenza da igrexa de Coeda, accesible a todo tipo de público, incluíndo ás persoas con mobilidade reducida.

  • O tipo de chan, roca, algúnha da cal se atopa húmida e cantos rodados, dos últimos metros de acceso á “Igrexa de Coedo” fai que se teñan que tomar algunhas precaucións para evitar esbarar. Recoméndase calzado pechado, cómodo e con sola con boa adherencia ás superficies. Non é conveniente manexar o teléfono móbil durante o traxecto.

  • Desaconséllase o acceso a persoas con problemas de mobilidade.

  • Non se aconsella o acceso con condicións meteorolóxicas por terra ou mar moi adversas.

  • Estamos nun espazo natural. Respete a fauna e flora do mesmo.

IMPORTANTE

A entidade promotora non se fai responsable do uso que se lle dea a este roteiro. Unha vez inicie o seu seguimento, o usuario debe ser consciente de estar en boas condicións físicas para o seu desenvolvemento e cumprir as recomendacións e normas. Teléfono de emerxencias: 112