Trátase dunha ruta videoguiada ao longo do noso tramo costeiro e entorno próximo, onde descubrir aspectos relacionados coa cultura, historia, costumes, etnografía, sociedade e xeoloxía da nosa vila, narrados por burelás e burelaos e persoas expertas na materia, na que se pretende divulgar e poñer en valor o “noso”.

Nos vídeos mistúranse fotografías, tomas aéreas e sons para sumerxirnos na Burela de antaño e actual.

O nome da ruta: Burela “ nacida do mar e do barro” provén da ubicación onde Burela xermolou . Como nos di Dna. Herminia Pernas, cronista oficial de Burela: “o seu asentamento fíxose na base dos montes Castelo e A Puida e forxouse arredor do mar e do barro (a Burela do C-101 que era o nome técnico do caolín)”.

Tanto o mar como o barro (o nome que os burelás e burelaos lle deron a nosa arxila branca) foron traballados e deron sustento e prosperidade, facendo medrar esta terra.

Do noso “barro”, recoñecido por ser dunha calidade excepcional foi exportado para Europa, houbo minas, lavadoiros e fábricas, como sociedad Cerámica de Sargadelos (1901-1908), que elaborou ladrillos reflectarios, e como Gres Cucurny ou Gres Burela, de baldosas, azulexos, pavimentos de gres…

En canto ao noso mar, xa existe un testamento do século XV, de Pedro de Bolaño, no que nomea o porto de Burela, otorgándollo á súa filla maior, conservándose un escudo da mesma época no que se poden apreciar anzois. Sendo un ancestral porto baleeiro e de pesca de sardiñas, os nosos vellos lobos de mar din que a Burela que coñecemos hoxe “foi feita de costeiras de bonito”.

Introdución

Neste percorrido polo litoral ímonos somerxer nas orixes de Burela, nese mar que nos dá a vida e o sustento, e nesa terra, que acolleu no seu seo durante séculos unha das xoias prerromanas máis valiosas do mundo, sendo descuberta en 1945 por quen a traballou coas súas propias mans, un labrego.

A nosa Burela naceu mariñeira pero tamén labrega; e as leiras e os prados alongábanse ata chegar á beira do Cantábrico (*1)

Burela limita ao Norte e Leste co Mar Cantábrico; polo Sur coa parroquia de San Pedro de Cangas (Foz); e ao Oeste, coas parroquias cervenses de San Román de Vilaestrofe, Santiago de Sargadelos e Santa María de Cervo.

O seu asentamento fixose na base dos montes Castelo e A Puida e forxouse arredor do mar e do barro (a Burela do C-101 que era o nome técnico do caolín). A auga, doce e salgada, estivo e continúa a estar, moi presente na súa Historia.

Na confluencia coa parroquia de Cangas de Foz hai cinco torrentes: o río de Vilachá e os regatos da Areoura, Lamestra, do Perdouro e Torrentes. As Torrentes designa unha zona por onde descendían as augas que chegaban ao mar na antiga praia de Castrelo; e Torrentes era tamén o nome dado á divisoria das parroquias de San Pedro de Cangas e Santa María de Burela (segundo un documento de 1128 dado polo rei castelán Afonso VII confirmando o reparto feito polo bispo Nuño Alfonso e o conde Rodrigo Vela).

O regato da Lamestra, canalizado, verte as súas augas na ribeira do Cantiño; mentres que o regato do Pedouro desemboca na ribeira do Perdouro.

No barrio de Burela de Cabo estaba o río das Pasadiñas, que descendía desde Burela de Cabo ata o porto pasando pola denominada rúa “O Río” e cruzaba a estrada xeral baixo unha ponte de pedra da que aínda hoxe poden verse algúns restos. Segue a estar pero foi canalizado e agora decorre de forma subterránea ata desembocar no porto. 

No barrio da Vila do Medio está o río de Pomeda,  tamén chamado Canteira, río de Cinoche ou río de Ribela. Corre ao oeste da Vila do Medio e desemboca na cala de Ril.

Son tamén numerosos os nomes das rúas referidos a auga: Rúa Cinoche; Rúa Barridal; Rúa Pasadiñas; Rúa do Río; Rúa da Lamestra; etc. e algúns topónimos como Navia (deusa préceltica de carácter acuático) e Torrentes exemplifican esa presenza da auga que alimentaba leiras e prados.

(*1)Textos de Hermina Pernas Oroza, na páxina web do concello de Burela.