Baliza Museo Ao Aire Libre de Pinturas Murais – Para saber máis
- Casa
- Baliza Museo Ao Aire Libre de Pinturas Murais – Para saber máis
Interveñen (por orde de aparición):
Adri Pardo, artista e xurado do Certame de Pinturas Murais Amarte, polo que se crea o Museo ao Aire Libre de Pinturas Murais.
Herminia Pernas, cronista oficial de Burela.
Batuko Tabanka, asociación cultural burelá de mulleres caboverdianas, que forman un grupo musical.
María Tavares, presidenta da Asociación Batuko Tabanka.
Para saber máis…
A actividade do porto de Burela, un dos máis destacados do Cantábrico e do país, atrouxo a homes de diversas nacionalidades en busca de emprego e unha mellor vida, e con eles, en moitos casos, ás súas familias. Así, a vila foise convertendo en centro dunha sociedade multicultural, na que conviven actualmente máis de 40 nacionalidades (Perú, Indonesia, Ghana, Marrocos…), sendo a máis numerosa, antiga e arraigada a comunidade caboverdiana.
Chegaron a Burela na década dos 70, cando se estaba desenrolando na zona unha importante factoría, Alúmina-Aluminio (agora Alcoa), que proporcionaba moitos postos de traballo á poboación local, abandoando en moitos casos os seus oficios no porto e no mar, e deixando postos vacantes, que os caboverdianos cubriron con moi boa aceptación por parte dos armadores, sendo coñecidos por ser bos mariñeiros, preparados e traballadores .
A maioría das súas mulleres buscaban empregos en terra, noutros sectores económicos, ao mesmo tempo que os seus homes pasaban mareas, embarcados, fóra da casa, como soe ocorrer tamén nas familias galegas de mariñeiros de pesca de altura.
No ano 2022 había censados en Burela 411 caboverdianos e caboverdianas (201 mulleres e 210 homes), pero estímase que a comunidade é máis ampla, xa que existen varias xeracións de burelaos e burelás de ascendencia e raíces caboverdianas, que non constan en ningún rexistro, estimándose que representan arredor dun 10% da poboación da localidade, de preto de 10.000 habitantes.
A República de Cabo Verde é un país democrático, composto por un arquipélago de dez illas volcánicas, situado enfronte de Senegal, e a uns 1.500 km ao suroeste das illas Canarias. Do seu pasado como colonia portuguesa queda como lingua oficial o portugués. Porén, o máis empregado é o crioulo, tamén coñecido como kabuverdianu ou simplemente “criolla” ou “Kriolu”. Trátase da lingua máis antiga, mestura de portugués, linguas dos pobos indíxenas desa terra e linguas africanas, da que existen nove dialectos dependendo das zonas.
Posúe unhas paisaxes ricas e diversas que inclúen montañas, volcáns, fermosas praias de area branca e fina , zonas áridas e zonas agrícolas, que a fan propicia para a pesca e o turismo. O seu clima é tropical.
A comida caboverdiana inclúe pratos como o “cachupa” (un guiso a base de millo e frixoles), o “pastel com diabo dentro” (un tipo de empanada rechea), peixe fresco e mariscos debido á súa localización costeira.
De aproximadamente 550,000 habitantes, é un país cunha renta media por persoa baixa, por iso está entre os países do mundo con máis emigración, tal e como o foi no seu día Galicia. Este feito coñécese como “a diáspora caboverdiana” . Citando a Herminia Pernas Oroza, a cronista oficial de Burela “ a población espallada polo mundo supera no dobre á residente nas illas” (Pernas Oroza, H, 2008, p.331).
O tecido asociativo de Burela está composto por algunhas asociacións de persoas inmigrantes, como Raíces Peruanas ou Cultural Tabanka, cuxa presidenta é Antonina Semedo, activista social e unha das figuras locais máis destacadas, pero sen lugar a dúbidas a máis emblemática é a agrupación Batuko Tabanka.
Batuko Tabanka nace do seo de Cultural Tabanka hai máis de tres décadas, e está formada exclusivamente por mulleres, tomando o seu nome dunha variante do batuque tradicional de Cabo Verde, específica da illa de Santiago, de onde provén a gran maioría da poboación caboverdiana burelá. Tabanka é unha palabra en criollo caboverdiano que se refire a unha manifestación cultural que combina música e danza, e que como nos di María no vídeo, ten raíces na historia da escravitude e a resistencia en Cabo Verde. O batuko é o pano rogado e forrado, ou saca de coiro, que colocan entre as pernas, baténdoo enérxicamente e con ledicia mentres cantan. O batuko ten a súa orixe nos golpes que daban no seu propio peito os escravos caboverdianos mentres danzaban, cando aínda non existía este.
Batuko Tabanka ten como propósito manter viva e dignificar a súa cultura caboverdiana en Burela, tamén a través da súa música de raíz, misturada nalgunhas ocasións con influencias galegas. Así, o nome do seu último disco “Djunto Mô”, editado en 2011, traduciríase como “xuntar as mans, “axudar entre todos”, “botar unha man”, en clara referencia á fusión entre a música tradicional caboverdiana e a galega, na que proclaman a irmandade, respeto e unión entre os dous pobos. O tema “Nós na Burela” (no vídeo) pertence ao citado disco. Nel participaron artistas galegos/as de recoñecido prestixio, como o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, a cantante Uxía, a tamén cantante e instrumentalista Mercedes Peón e Treixadura, entre outros.
Outras temáticas sociais que tocan son a emigración , a identidade e a situación da muller.
Ademais, foron distinguidas co galardón Mestras da Memoria 2020.
Música en Vivo: A danza Batuko Tabanka está intrinsecamente ligada á música en vivo. As músicas tocan instrumentos de percusión tradicionais.
Expresión corporal e movementos rítmicos: A danza Batuko Tabanka caracterízase por movementos corporais expresivos e rítmicos. As bailarinas usan movementos de cadeira, brazos, mans e pernas de maneira fluída e apaixonada para expresar historias, emocións e a esencia da cultura caboverdiana.
Participación comunitaria: A miúdo, realízase en grupos grandes e a danza Batuko Tabanka fomenta a participación colectiva. As bailarinas reúnense en círculos ou forman filas e realizan movementos coordinados mentres interactúan entre eles e cos músicos.
Vestimenta Tradicional: As bailarinas a miúdo visten traxes tradicionais que reflicten a cultura de Cabo Verde. Estes traxes poden incluír telas coridas, accesorios tradicionais e elementos que realzan a autenticidade da danza e a música.
Narración e representación cultural: A danza Batuko Tabanka a miúdo narra historias e representa aspectos da vida cotiá en Cabo Verde, así como elementos da cultura e a historia caboverdianas. A través da danza, transmítense mensaxes culturais e sociais importantes, como así o fai a agrupación burelá.
Celebración da identidade cultural: O Batuko Tabanka é unha forma de celebrar a identidade cultural de Cabo Verde e de honrar a súa historia e tradicións. É unha manifestación artística e cultural que une á comunidade e fortalece os lazos culturais.
Fontes:
Oliver, Juan (2022, 17 de decembro)”Si ka badu, ka ta biradu”: la historia de sororidad de las migrantes caboverdianas en Galicia Público https://www.publico.es/mujer/ka-badu-ka-ta-biradu-historia-sororidad-migrantes-caboverdianas-galicia.html
Ramallal, Xaime (2022, 20 de abril) Burela estrecha lazos con Cabo Verde con la visita el sábado del expresidente de la República
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/burela/2022/04/06/burela-estrecha-lazos-cabo-verde-visita-sabado-expresidente-republica/00031649253712893853752.htm
Gabinete de Prensa (2018, 8 de novembro)
Música y fotografías de Cabo Verde para promover la multiculturalidad en Lugo
https://concellodelugo.gal/es/noticias/musica-y-fotografias-de-cabo-verde-para-promover-la-multiculturalidad-en-lugo
Las lenguas habladas en Cabo Verde
https://www.studycountry.com/es/guia-paises/CV-language.htm