Intervén:

  • Herminia Pernas, cronista oficial de Burela, que nos ofrece unha explicación etnográfica e histórica do porto comercial.

Para saber máis…

  • Herminia Pernas fai referencia á fábrica de cerámica Cucurny:

Da fábrica de Gres Burela ou Gres Burela foi artífice o catalán Leandro Cucurny en 1908, que xa posuía outra fábrica de produción de gres na súa terra, concretamente en Montmeló, actividade que xa comezara o seu avó en Pau Cucurny en Barcelona.

Recalou en Burela atraído polas instalacións, entre a que se incluía unha chimenea de 37 metros, da por aqueles tempos fracasada Sociedade Cerámica de Sargadelos, que fora trasladada nos últimos anos dende a localidade cercana de Sargadelos á nosa vila, dende 1901 ata 1908, e finalmente embargada. A súa empresa adquire 60 instalacións mineiras, baixo a denominación de” La Gallega”, que lle proporcionan á súa planta de gres, excelentes materias primas: arxilas refractarias, feldespatos e o caolín, o noso “barro”. Os mesmos materiais que empregarían anos despois, en 1968, Díaz Pardo e Luís Seoane co seu Laboratorio de Formas para reflotar a fábrica de Cerámica de Sargadelos, na localidade do mesmo nome, cun novo concepto e vangardista, acorde aos novos tempos.

Gres Cucurny fabrica materiais de construción, tales como baldosas, azulexos, pavimentos de gres, como o mosaico de gres , dunha tan alta calidade que consegue crear toda unha marca con denominación de orixe: Gres Burela, dando emprego e prosperidade, alcanzando unha plantilla de 260 operarios/as en 1946, cando Burela tiña unha poboación total de 1.100 habitantes.

En 1955 falece Leandro Cucurny, tocando simultaneamente ás 20:00 horas as campás das igrexas parroquiais de Burela e Montmeló.

A cheminea da Sociedade Cerámica de Sargadelos e de Gres Cucurny foi derrubada en 1960, despois de pasar a factoría por diversos propietarios. En 2013 a empresa Gres Burela foi liquidada.

  • Quen é Gloria da Corneta?

Gloria González Niñe (1929), da que se conta unha anécdota no vídeo cando foi temporeira no carretaxe de caolín, é máis coñecida polo alcume de Gloria da Corneta, unha muller que supera os 90 anos. Moi popular e querida en Burela, estivo moi implicada no tecido asociativo burelao, mostrando as súas inquedanzas polo desenvolvemento tanto industrial como social de Burela, así como polo feito de que a memoria histórica fose un piar e exemplo para as xeracións máis novas.

Traballou na fábrica de Leandro Cucurny, coa que sinte aínda un forte vínculo, formando parte da súa identidade.

Unha rúa de Burela na zona do porto, precisamente na que ela naceu, leva o seu nome, e foi nomeada madriña do Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen” por partida dobre. No ano do seu botadura ao mar, en 1968, e cando se reconverteu nun museo no que se amosa a nosa forma de vida, historia e cultura como vila mariñeira do Cantábrico e de Galicia.

Fontes:

Suárez Mesías, Olga. Memoria do Oficio do Mar de Burela (141 páxinas), 2011, Concello de Burela.

Salgado, F. (2015, 10 de abril). Gres Cucurny o Gres Burela. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2015/04/10/gres-cucurny-gres-burela/00031428698092887324106.htm

Díaz, José (2020, 4 de outubro). La primera gran empresa de Burela. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/burela/2020/10/04/primera-gran-empresa-burela/0003_202010X4C8994.htm

Pernas Oroza, Herminia (2022, 3 de marzo). O pasado industrial de Burela. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/burela/2022/03/01/pasado-industrial-burela/00031646146576384573234.htm

Me enorgullezco de que el nombre de Sargadelos sea reconocido en todo el mundo” 10 de decembro de 2011 https://www.isaacdiazpardo.gal/es/empresas/sargadelos

Villapol, Pablo (2021, 13 de novembro) ¿Qué fue de…Gloria González? El Progreso https://www.elprogreso.es/articulo/a-marina/que-fue-gloria-gonzalez/202111111905251539207.html

L.F.B (2022, 8 de marzo) “Se poido seguirei colaborando con Burela” El Progreso https://www.elprogreso.es/articulo/a-marina/podo-seguirei-colaborando-burela/202203081821151563029.html

González Rey, Ramón (2022, 8 de marzo) Gloria do Corneta, ejemplo de”amor por Burela” a sus 93 años, ya tiene su calle La Voz de Galicia https://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/burela/2022/03/08/gloria-da-corneta-ejemplo-vitalidad-altruismo-93-anos-calle-burela/00031646742686350471859.htm