Descrición
Unha homenaxe artística ás mulleres do mar
Martín Lestao e Belén Mogo foron os artistas encargados de crear esta obra. A maioría dos materiais cos que foi feita foron extraídos da antiga fábrica de Gres Burela ou Gres Cucurny, situada enfronte deste lugar, xunto con outros materiais de refugallo como redes, táboas ou plásticos recollidos nas praias.
Para a creación deste mural tomouse como base a parede dunha antiga conserveira que había nesta localización. Aparecen representadas as redeiras, as traballadoras da conserveira, o faro, a antiga cheminea da fábrica Cucurny ou a bodega dun barco, e pretende poñer en valor o papel fundamental da muller no mar ademais de ser unha homenaxe á economía de base xerada arredor da pesca.
Se queredes saber máis sobre os oficios das mulleres relacionados co mar, vede o vídeo para coñecer as historias de María Jesús, redeira desde os 14 anos e de Berónica, conserveira artesanal.